Solidariedade co persoal de PULL&BEAR loxística en Narón

0

Desde Comunistas da Galiza-PCPE manifestamos a nosa solidariedade coa loita do persoal de Pull&Bear Loxísitica en Narón, contra os abusos e prácticas da mutua sanitaria Fraternidad-Muprespa, auténtica mutua mercenaria ao servizo do grupo INDITEX.

 

Mentres os accionistas de INDITEX se repartían este ano 2.300 millóns de euros en dividendos, sacados directamente do lombo de milleiros de obreiros e obreiras, explotados en todo o mundo pola multinacional de Amancio Ortega e Cía., o persoal do Centro de Loxística de Pull&Bear acumula lesións músculo-esqueléticas crónicas. Estas doenzas e padecementos derívanse dos elevados ritmos de traballo, dos esforzos continuados manipulando cargas e dos movementos repetitivos ao longo de toda a xornada laboral.

 

As consecuencias para a saúde dos traballadores: hernias, epicondilites, calcificacións, tendinites e o desgaste definitivo do seus corpos. Para os traballadores, a dor e os salarios de miseria. Para os capitalistas, as ganancias fabulosas, o luxo sen freo. Parasitismo puro!

 

Esta situación vese agravada polas prácticas dunha mutua sanitaria dignas do nazi Dr. Mengele. Buscando aumentar os lucros de INDITEX, negan contra toda evidencia médica a orixe laboral das lesións dos traballadores. Lóxico. Que se pode esperar da mutua sanitaria de Carlos Espinosa de los Monteros, quen foi vicepresidente de INDITEX?

 

O Partido Comunista denuncia o papel das mutuas privadas, como auténticas mercenarias médicas ao servizo da explotación capitalista e do enriquecemento dos multimillonarios.

 

Desde Comunistas da Galiza-PCPE denunciamos  que os sucesivos gobernos da burguesía durante todos estes anos, coas súas nefastas reformas laborais, non fixeron máis que acrecentar o poder destas empresas piratas, ao outorgarlles un poder discrecional sobre a saúde e o benestar físico e psíquico da clase obreira.

 

Por todo isto, chamamos os traballadores e traballadoras de Ferrolterra a apoiar as mobilizacións que están a convocar o Comité de Empresa e os sindicatos de Pull&Bear Loxísitca, diante da sede da mutua Fraternidad-Muprespa.

 

Adiante a loita obreira contra os abusos da mutua Fraternidad-Muprespa e de INDITEX!!

 

Por un país para a clase obreira!!

 

Ver na Revista Forxa