Poligal non se pecha!! Solidariedade!! Nacionalización dos sectores estratéxicos!!

0

Ante o anuncio de peche da fábrica POLIGAL en Narón, por parte da multinacional catalá Grupo Peralada, deixando na rúa máis de cen traballadores da comarca de Ferrolterra mediante un fraudulento procedemento concursal, Comunistas da Galiza-PCPE manifesta o seu total rexeitamento a esta medida, a súa máis firme solidariedade cos traballadores afectados e a esixencia da inmediata nacionalización de POLIGAL, das empresas da industria química e dos sectores económicos estratéxicos.

 

O Grupo Peralada, con sede en Barcelona, é propiedade da familia Suqué, donos dun emporio empresarial multinacional que presume de ter un patrimonio que supera os 500 millóns de euros, e constituído por casinos, hoteis, adegas, campos de golf, supermercados, SICAVs, fondos de investimentos e diversas industrias.

 

Levan desde 1991 recibindo millóns de euros de axudas públicas na factoría de Narón. Primeiro ao abeiro do programa ZUR (Zona de Urxente Reindustrialización) e posteriormente do “Plan Ferrol”: axudas e bonificacións para a contratación (POLIGAL chegou a ter máis de 220 traballadores), para financiamento, para investimentos produtivos, para investigación e modernización tecnolóxica, etc.

 

Este grupo capitalista esquilmou os seus obreiros e os subsidios públicos, eludiu pagar impostos mediante SICAVs e mecenazgos diversos ou desviando beneficios a paraísos fiscais (con empresas situadas en Luxemburgo e Andorra) a través  dun holding familiar. Os beneficios acumulados en Narón e as axudas recibidas serviron para investir en novas fábricas do grupo, primeiro en Portugal e desde 2016 en Polonia, procurando sempre salarios máis baixos e novas axudas públicas en cada país.

 

Non hai nin tres anos, POLIGAL anunciaba na prensa plans de crecemento de máis do 30% da actividade do grupo, e a expansión do seu negocio en Polonia. Agora, anuncian que levan perdidos desde 2012, 11 millóns de euros. Mentían antes ou agora?

 

Hai dous anos ampliaron a capacidade produtiva da fábrica en Portugal, abriron unha factoría en Polonia, e teñen agora a cara dura de xustificar o peche de Narón coa escusa de que “o exceso de capacidade instalada lastrou gravemente as marxes desta planta”.

 

Hai que ser cínicos para recochinearse dos obreiros da factoría como fai a dirección de POLIGAL co comunicado que se pode ler na súa páxina web: “A compañía … agradece á plantilla o compromiso e profesionalidade mostrado ao longo destes anos.” Así agradece o capital os EREs anteriores e os sacrificios dos traballadores.

 

Unha vez máis, os capitalistas pretenden que a clase obreira, que todo o produce co seu traballo, pague os pratos rotos do festín da gran burguesía, do capital financeiro. Cando hai crise, temos que apertar o cinto. Cando xa non hai crise, temos que apertar o cinto, tamén.

 

A clase obreira galega non debe consentir este novo paso no proceso de desertización industrial da Galiza. Están ameazados máis de 100 postos de traballo na factoría de POLIGAL. Non se debe permitir o peche desta fábrica. Non debe saír de Narón ningún equipamento produtivo, ningunha materia prima. Debe garantirse o futuro dos postos de traballo.

 

Mentres a clase obreira non tome o control do que é seu, non haberá solución definitiva para os traballadores. Debemos, desde xa, reclamar o que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar de ser vítimas dos caprichos do capital, para que nos devolvan o roubado.

 

Esiximos a NACIONALIZACIÓN DE POLIGAL, das empresas da industria química e dos sectores económicos estratéxicos.

 

O Partido Comunista chama o conxunto da clase obreira e do pobo traballador galego a defender a permanencia das industrias e dos postos de traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo na Nosa Terra.

 

Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita dos traballadores de POLIGAL que, defendendo o seu emprego, defenden o noso porvir.

 

Chamamos a apoiar as mobilizacións e manifestacións previstas en Narón nos días vindeiros para esixir: NON AO PECHE DE POLIGAL!!

 

Todo para quen o produce! Todo para a clase obreira!

POLIGAL NON SE PECHA !!

A INDUSTRIA GALEGA NON SE PECHA !!

POLA NACIONALIZACIÓN DOS SECTORES ESTRATÉXICOS!!

Galiza, 22 de febreiro de 2019.

 

Ver na Revista Forxa