Hai 46 anos, os obreiros do Naval Amador e Daniel foron asasinados loitando polos dereitos dos traballadores e as traballadoras.

Hoxe están a arrebatarnos todos estes dereitos que fomos conquistando palmo a palmo e batalla tras batalla.

O inimigo de clase quere darnos a entender que xa pasou á historia a nosa aspiración de obter contratos indefinidos, seguridade no emprego, salarios dignos e pensións gañadas durante vidas enteiras entregadas ao traballo. Que debemos renunciar a querer emprego estábel que asegure o futuro da nosa mocidade, que hoxe se ve expulsada da súa terra.

Mentres a patronal despide e recorta salarios e dereitos, os gobernos ao seu servizo lexislan e executan a liquidación das pensións, da sanidade e da educación dos fillos e fillas da clase obreira.

Preténdese que os indicadores macroeconómicos falen de recuperación, pero semella que tal recuperación só afecta aos beneficios privados dos grandes monopolios. Pola contra, as clases traballadoras seguen a sufrir polo enriquecemento duns poucos. Lonxe de desaparecer como agoiraron os ideólogos da burguesía, a clase obreira segue a estar moi presente, e medra numericamente en todo o mundo. Lonxe de mellorar as nosas condicións de vida e traballo -como eles mesmos predicían-, cada día hai máis pobres e se vive peor e menos anos.

O capital resolveu a súa crise cargándoa -coma sempre fixo- nas costas da clase obreira e dos sectores populares cada día máis empobrecidos.

A realidade amosa a falsidade das ilusións reformistas sobre a posibilidade de mellorar a xestión do capitalismo e de  enriquecer así as nosas condicións de vida e traballo sen rachar co sistema.

Hoxe, que o capital está a asestar golpes de morte á Negociación Colectiva das condicións de traballo, cómpre lembrar que Amador e Daniel morreron loitando por un Convenio Xusto.

Hoxe que este sector produtivo estratéxico practicamente agoniza en Galiza baixo a bota desindustrializadora da Unión Europea capitalista e imperialista, cómpre lembrar que Amador e Daniel eran obreiros do Naval.

Non haberá mellora  para a clase obreira e os sectores populares se non damos intensificado a loita de clases nun sentido revolucionario.

É necesario fortalecer as organizacións obreiras, reactivar a loita obreira e sindical, pular pola organización e a unidade da clase, avanzar na construción do Partido que reactive as loitas populares e dote a estas de unidade estratéxica e de Programa revolucionario.

Amador e Daniel, presentes!

Viva a loita da clase obreira!