A liberación nacional de Galiza virá do triunfo da clase obreira

0

O Partido Comunista saúda o pobo traballador galego neste 25 de xullo de 2018. Esta xornada é unha expresión do inequívoco carácter nacional do pobo galego, que as e os comunistas defendemos fronte aos ataques aos seus dereitos e liberdades políticas, á súa cultura e lingua, e fronte á explotación da clase obreira e ao desmantelamento dos sectores produtivos galegos. Nese sentido, reafirmamos o noso recoñecemento do dereito de autodeterminación como o dereito democrático á libre separación e á formación dun estado propio.

 

Á vez, consideramos necesario sinalar que España,  plenamente inserida no sistema imperialista mundial (OTAN, UE, Euro, etc), é un Estado plurinacional no cal o poder é exercido por un sólido bloque oligárquico burgués, constituído nun longo e contraditorio proceso histórico polas súas diversas burguesías nacionais, e que comparten idénticos intereses de clase.

 

Estes intereses maniféstanse hoxe no terreo práctico nunha serie de leis e de decretos, como os orzamentos, as reformas laborais, a aprobación do teito de gasto e o resto de políticas e medidas antiobreiras que foron apoiadas tamén por diversas forzas políticas nacionalistas burguesas.

 

Estes intereses comúns da gran burguesía en España, son a expresión do elevado grao de concentración e centralización do capital na actual fase do Imperialismo. Reflicten a plena inserción dos monopolios e transnacionais que operan desde as súas bases neste Estado, na pugna mundial polo dominio dos mercados, dos recursos e polo abaratamento da man de obra que lles garantan beneficios cada vez maiores.

 

Tanto ten se estas transnacionais operan desde Arteixo, Carballo, Ourense, Madrid, Bilbo ou Barcelona. Precisan dun Estado forte que garanta os seus intereses. Un Estado cada vez máis centralizado que, contrariamente ás ilusións dalgunhas forzas políticas nacionalistas ou reformistas, non camiña cara á súa fragmentación, senón cara a formas máis autoritarias, policiais e uniformizadoras. Este é un proceso común a todos os países capitalistas, onde as reformas antiobreiras avanzan en paralelo co auxe político de forzas fascistas, identitarias ou relixiosas, mentres se fragmenta a clase obreira e o pobo traballador con ilusións, enganos e falsos dilemas.

 

A brutal represión do goberno español contra os dereitos nacionais de Cataluña, o 155, as sentenzas escandalosas como a dos 8 de Alsasua, centos de presos e exiliados políticos, as crecentes limitacións ás liberdades “democráticas”, poden axudarnos a comprender que non se vence un inimigo tan poderoso con forzas dispersas, fragmentadas  e orientacións diverxentes.

 

O Partido Comunista aposta pola acumulación de forzas na perspectiva do derrocamento do poder da burguesía e dos monopolios, da ruptura das alianzas imperialistas e pola construción do socialismo-comunismo como horizonte estratéxico no conxunto do Estado español.

 

É preciso erguer a forza unificada da clase obreira toda, contra o Estado da oligarquía. Non hai atallos que nos libren da necesidade de construír o seu Partido Comunista. A construción socialista será quen de garantir a liberdade, a soberanía e a independencia dos pobos. A liberación nacional de Galiza virá do triunfo da clase obreira e do socialismo. Galiza será ceibe cando a clase obreira teña o poder.

 

POLO PODER OBREIRO!

POLO SOCIALISMO-COMUNISMO!

POR UN PAÍS PARA A CLASE OBREIRA!

 

Comité Nacional

Comunistas da Galiza-PCPE

22 de xullo de 2018

 

http://revistaforxa.blogspot.com/2018/07/a-liberacion-nacional-de-galiza-vira-do.html