Combatendo o anticomunismo

0

Este pasado dia 23 de agosto celebrase o Día Europeo de Conmemoración das Vítimas do Stalinismo e o Nazismo, data impulsada por forzas anticomunistas no 2009 en Praga, na chamada Declaración de Praga sobre Conciencia Europea e Comunismo que condenaba ao mesmo por crimes contra a humanidade e despois ratificada na Resolución do Parlamento Europeo sobre a conciencia europea e o totalitarismo apoiada polas forzas socialdemócratas e oportunistas.

Tras a vitoria da contrarevolución e da desaparición da URSS as clases dominantes, lonxe de atenuar, intensifican a súa loita ideolóxica e política contra o comunismo. En numerosos países elabóranse políticas que falsifican a Historia e que pretenden equiparar ao comunismo co fascismo, ocultar o carácter de clase do fascismo e a súa relación co capitalismo, a represión contra as forzas obreiras e populares e os enormes sacrificios do pobo soviético e a súa contribución na derrota do nazi fascismo.

A natureza de clase do fascismo

Os fascistas non son como os fungos -como se dicía nunha celebre escena de Novecento-, que nacen así nunha noite, non. Foron os patróns os que plantaron aos fascistas, quixéronos, pagáronlles…

O fascismo foi apoiado e financiado polas clases dominantes en Alemaña, Italia ou España como forza de choque contra o movemento obreiro. O nacemento do fascismo é produto dunha época caracterizada por unha profunda crise capitalista, unha crise política e tamén pola existencia dun estado obreiro e socialista que fixo que diversos sectores da burguesía precisaran instrumentos represivos que superaran os limites da democracia formal.

As primeiras medidas adoptadas tanto en Italia como en Alemaña foron as de rematar coa resistencia da clase obreira comezando pola ilegalización dos partidos comunistas.

Poderosos industriais, terratenentes, bancos e grupos financeiros alimentaron aos grupos fascistas, organizaron milicias armadas para protexer os seus intereses, rebentar folgas e protexer os seus privilexios e a propiedade privada dos medios de produción.

Diversas empresas e monopolios apoiaron dun xeito ou doutro ao nacionalsocialismo en Alemaña: Hugo Boss , Volkswagen, IBM, Chase Bank, Ford (Hitler tiña unha foto de Henry Ford colgada no seu despacho), Kodak, Coca-Cola,  Nestlé, BMW, General Electric, Bayer, Standard Oil, General Motors.

O fascismo naceu para esmagar á clase obreira, para reducir a escombros as súas forzas revolucionarias, para acabar coas folgas e cos sindicatos de clase, para perseguir e asasinar aos comunistas e para acabar coa Unión Soviética.

Equiparar a vítimas e verdugos

Centos de miles de comunistas alemáns foron asasinados ou remataron os seus días en campos de concentración, ou mesmo usados como escravos polas autoridades nazis, incluíndo a destacados dirixentes como Ernst Thälmann -que foi fusilado  en Buchenwald en 1944- ou Eric Honnecker -que tivo ocasión de rematar cos seus osos na cadea tanto baixo a ditadura fascista como na democracia burguesa-, o motivo nos dous casos foi o mesmo, ser comunista.

Para os imperialistas alemáns, os soviéticos eran considerados ‘Bolshevik Untermenschen’  (bolxeviques sub-humanos) contra os cales desencadearon unha guerra de exterminio que se cobrou a vida de mais de 26 millóns de persoas entre civís e militares, máis do 16% da poboación da URSS.

Os prisioneiros de guerra soviéticos recibiron un trato inhumano, bárbaro e criminal, trato que non recibirían os prisioneiros das potencias aliadas, ás cales se lles aplicou o Tratado de Xenebra.

Os prisioneiros soviéticos foron acenados en campos rodeados unicamente de arame de espiño, sometidos a duras condicións climatolóxicas, privados de alimentos durante semanas, sometidos a unha política de abuso, maltrato e exterminio que levou á morte a máis de 4 millóns de prisioneiros soviéticos.

A poboación civil da unión soviética non correu mellor sorte. Só hai que lembrar o sitio de Leningrado, onde morreu máis dun millón de persoas froito do frío e da fame.

Ningunha outra nación tivo que soportar durante a guerra uns custos humanos e materiais similares.

Unha condena hipócrita

Resulta hipócrita a data escollida, 23 de agosto, dia da sinatura do acordo de non agresión firmado entre a URSS e Alemaña, coñecido como pacto Ribbentrop- Molotov.

Tendo en conta que as democráticas Francia e Gran Bretaña, en 1938, na conferencia de Munich á que asistiron Hitler, Mussolini, Chamberlain e Daladier permitiron que Alemaña se anexionara aos Sudetes e posteriormente toda Checoslovaquia.

As principais potencias europeas permitiron o rearme de Alemaña como un muro de contención fronte a ameaza bolxevique.

Hai que destacar tamén o papel das democracias europeas e a súa “neutralidade” durante a guerra nacional revolucionaria en España, na cal negáronse a prestar axuda ao democrático goberno da República.

Cómpre destacar o apoio prestado por diversos monopolios norteamericanos e por diversos grupos financeiros que outorgaron -vaia a redundancia- financiación ou mesmo subministraron combustible ao bando nacional, que contou co apoio militar da Alemaña de Hitler e a Italia de Mussolini.

Os crimes do capitalismo

A historia das democracias liberais europeas esta manchada de sangue e de crimes cometidos contra os pobos, contra a clase obreira e contra toda a humanidade.

Basta lembrar os xenocidios cometidos polo imperialismo derivados da dominación colonial.

En 1910 as principais potencias imperialistas desencadearon a I Guerra Mundial, as democracias liberais europeas mandaron á morte a máis de 20 millóns de fillos da clase obreira, que foron masacrados nos campos de batalla para defender os intereses e manter os privilexios das súas respectivas burguesías.

No 1954, a democrática república francesa cometeu crimes contra a poboación arxeliana, que loitaba pola súa independencia nacional e pola ruptura da súa dependencia e sometemento colonial, provocando mais dun millón de mortos.

Francia mantivo activa ata 1953 as colonias penitenciarías na Guayana, onde morreron 70.000 presos.

Na resolución do parlamento europeo tamén se menciona o xenocidio de Sebrenica, pero ocúltase o propio papel da Unión Europea no desencadeamento do que se deu en chamar Guerra de Iugoslavia.

Concretamente a axuda económica e militar a Croacia de Franjo Tuđman, que era admirador de Franco e de Ante Pavelic (dirixente fascista croata colaborador do nazismo), negacionista do holocausto e responsábel de crimes contra a humanidade en Croacia e tamén en Bosnia, son crimes polos que nunca foi xulgado.

En 1999, a OTAN baixo a democrática secretaría de Javier Solana atacou Iugoslavia, bombardeando estruturas como pontes, fábricas ou a sede da radio-televisión iugoslava.

As clases dominantes coa axuda das forzas socialdemócratas teiman en equiparar fascismo con comunismo, presentando aos mesmos como réximes non democráticos. Destacan unilateralmente a cuestión dos dereitos humanos, da represión nos estados socialistas, obviando que nos réximes democrático burgueses se vulneran continuamente estes dereitos, que baixo o capitalismo millóns de persoas son vítimas da miseria, da pobreza e das guerras desencadeadas polo imperialismo, que nos estados capitalistas os dereitos democráticos dos obreiros e do pobo son restrinxidos para manter a liberdade dos patróns, dos capitalistas, dos bancos.

Para as e os comunistas, toda cuestión relacionada coa forma que adopta o estado debe analizarse desde o punto de vista da clase social no poder, e non desde o punto de vista estreito e burgués do oportunismo que fai unha defensa formal da democracia dos capitalistas, predicando a igualdade entre oprimidos e opresores.

RevistaForxa (17-9-17)