Coa Folga do Metal: Nin un paso atrás!

0

Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) expresamos o noso total apoio ás xornadas de folga dos traballadores e traballadoras do metal na provincia de A Coruña, convocadas polo conxunto de forzas sindicais no pasado mes de xuño e xullo, e solidarizámonos tamén coas próximas mobilizacións que se podan convocar no futuro inmediato.

Esta folga sitúase nun escenario de continua e perpetuada agresión contra as condicións e dereitos laborais da maioría traballadora deste país, farta xa de cargar coas consecuencias da crise á que nos levaron ás políticas do capital e dos seus distintos gobernos.

É hora de dicir basta!

Non podemos seguir retrocedendo ano tras ano, perdendo dereitos; non podemos aceptar que pretendan implantar unha negociación colectiva baseada na docilidade e a submisión absoluta dos traballadores e das forzas sindicais.

A patronal envalentonada tralas reformas laborais e a escasa capacidade de resposta por parte dun movemento obreiro fortemente castigado tras duros anos de crise, négase a dar o brazo a torcer. Está nas nosas mans facer que cambien de idea!

As demandas dos traballadores son claras: un convenio digno que contemple unha revisión salarial, limitación das ETTs, complementos por desprazamento, permisos retribuídos, xornada laboral, control sobre as mutuas.

O sector do metal di basta e érguese ao igual que moitos outros traballadores que ao longo do Estado están hoxe a loitar para reivindicar os seus dereitos, para esixir melloras e para facer valer a negociación colectiva como instrumento de loita e de avance obreiro.

A clase obreira, á ofensiva!

É hora de pasar á ofensiva, de pelexar cada mellora, cada subida salarial, cada dereito que pretendan arrebatarnos, de non ceder aquelo que nos pertence por dereito.

As loitas de hoxe teñen que servir para acumular forzas, para adquirir experiencia e confianza en nós mesmos e nas nosas propias forzas e avanzar con paso firme na dirección da derrogación das reformas laborais e da retirada das medidas antiobreiras.

Ou eles ou nos!

A loita sempre foi a mesma, eles contra nós e nós contra eles.

Eles, a minoría, teñen o poder, dispoñen de medios políticos, económicos e mediáticos que garanten e aseguran a nosa explotación, nos só temos a nosa unidade e a vantaxe de ser a maioría social, somos a forza que fai mover o mundo e sen nós non se move ningunha engrenaxe.

Non queremos un país de corruptos, de explotadores e de parasitos que se alimentan da nosa miseria e da nosa desgraza. É hora de pelexar por un país para a clase obreira.

É hora de erguerse!

Unidos venceremos!