Desde Comunistas da Galiza-PCPE saudamos o indulto parcial acadado para os sindicalistas Carlos e Serafín, que foran condenados en 2011 a tres anos de prisión por participar nun piquete informativo durante a Folga do Transporte de Pontevedra en 2008.

A condena contra os dous traballadores por defender os dereitos dos seus compañeiros encadrouse nunha política de criminalización das loitas obreiras e sinaladamente do exercicio do dereito de folga con centos de obreiros e obreiras encausadas en todo o estado español. A pena de prisión para Carlos e Serafín  parte da campaña de terror patronal e institucional para acabar co dereito de folga; deuse, ademais no contexto dunha campaña propagandística na que tanto os máis lexítimos representantes políticos da patronal como a falsa esquerda fixeron e seguen a facer todo canto poden para que os traballadores renunciemos e neguemos a nosa mellor ferramenta, a organización sindical e a unidade obreira. E foi precisamente esta quen conseguiu liberar aos nosos compañeiros da perspectiva de entrar en prisión.

O Indulto non é un acto de graza do consello de ministros capitalistas da socialdemocracia. Oito anos de loita perseverante e de solidariedade obreira o fixeron posible. Que non se nos esqueza. O novo goberno non derrogou nin vai derrogar as reformas laborais nin as leis represivas contra o movemento obreiro e popular.

A loita obreira e a organización sindical están detrás de cada convenio digno, da readmisión de cada despedida, da existencia mesma do Dereito do traballo, de cada conquista grande ou pequena que a clase obreira vén arrincando ao inimigo de clase desde a propia orixe do movemento obreiro. Esta é a principal conclusión que temos que tirar desta loita de oito anos xoves a xoves, xunto coa enorme alegría de ter a Carlos e Serafín libres e connosco.

 

Ver en: Revista Forxa