Sobre a aprobación da Lei de Fomento Empresarial

0

Hai escasos días -o 17 de outubro-  vén de aprobarse por vía de urxencia a chamada LFE, no seu nome completo, Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais.

A finalidade principal desta lei é subvencionar -con fondos públicos e subsidios de todo tipo- supostos proxectos empresariais.

Trátase pois, dun paso máis no saqueo das rendas do traballo para engordar as rendas do capital.

Supón barra libre para as grandes empresas monopolistas e liberdade irrestrita do capital para destruír a natureza na procura da súa máxima ganancia.

Esta lei constitúe un novo golpe liberalizador e desregulador, un dos máis mortais ata o de agora, ao sector agrogandeiro galego, malferido xa repetidamente polas imposicións depredadoras da Unión Europea.

Trátase dun bulldozer legal que liquida as migallas lexislativas que quedaban para a protección da natureza do país (migallas conseguidas  grazas a prolongadas e custosas loitas populares). Un bulldozer que abarata a consideración de “proxecto estratéxico” para numerosas iniciativas empresariais depredadoras. Que simplifica e acelera a implantación desas iniciativas desregulándoas, eliminando dun golpe as trabas legais antes existentes para a súa materialización.

Os contidos desta lei (cuxa aprobación apelaba a “razóns de urxencia”) afecta ás anteriores regras do xogo en materia de cooperativas, ordenación da minaría, parques eólicos, turismo e Lei de Montes.

A chave máxica que abre a porta ao espolio chámase “declaración responsábel”.

Usando esa chave non é necesario sequera presentar unha solicitude de autorización para aproveitamentos madeireiros, aproveitamento da biomasa, e outros.

O propio silencio administrativo é interpretábel como un consentimento. A reinterpretación que se fai da lei de montes posibilita a destrución -sen máis- de especies que antes, segundo esa lei, non se podían explotar sen autorización administrativa.

Deste xeito, o pobo traballador, os pequenos produtores das zonas afectadas ven como perden toda posibilidade de oporse pola vía legal ao espolio.

Deste xeito, as institucións e a legalidade burguesas quedan baleiradas de potestades, e amósase claramente a ditadura do capital que con tanta insistencia combatemos as e os comunistas.

A penetración, por exemplo, das grandes eléctricas poderá motivar “a ocupación de bens indispensábeis para o inicio dun proxecto”.

A verdade é que están a converter Galiza nunha pequena Amazonia á que chuchar sen miramentos nin papeleo innecesario os seus recursos.

Din que o fan para reducir burocracia e competir con Portugal…”que está a captar inversións e proxectos empresariais, en detrimento da comunidade galega”…

A verdade é que, como sempre, agochan a fea cara do capital ladrón detrás do rostro dun pobo irmán.

Pobo non rouba a pobo, clase si rouba a clase!

A verdade é que o Capital só medra mediante o irrespecto máis cínico a toda propiedade que non sexa a Grande Propiedade.

A verdade é que o Capital só pode medrar  mediante a desposesión despiadada da clase traballadora e dos sectores populares.

A verdade é que as clases traballadoras só poden defenderse da ruína organizándose para preparar a fin do Capitalismo e construír o Socialismo.

Por un país para a Clase Obreira!

Comunistas da Galiza-PCPE | 22 – Outubro – 2017