Ante o accidente producido no Marisquiño en Vigo. 316 vítimas. Ningún responsábel?

0

O Comité Nacional dos Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) e dos Comunistas da Galiza-PCPE queremos transmitir ás vítimas da traxedia vivida onte en Vigo nos concertos do Marisquiño e ás súas familias e amigos, a nosa solidariedade e desexos de pronta recuperación.

Na noite de onte, domingo 12 de agosto, centos de persoas, mozos e mozas de familias traballadoras na súa inmensa maioría, foron vítimas da irresponsabilidade criminal dos diversos gobernos que construíron, xestionaron, e “conservaron” unhas instalacións cuxas deficiencias viñan sendo denunciadas desde hai anos. 

A lóxica do Capital impón que as obras se realicen por empresas privadas cuxos lucros aumentan cando se aforra na calidade e seguridade das obras, como ben saben os obreiros da construción, vítimas de tantos “accidentes” no traballo. 

A lóxica do Capital impón que os gobernos que serven os intereses da gran burguesía (e non os da “cidadanía”, como gustan de chamarlle ao pobo traballador) recorten os gastos de mantemento ou de reparación de infraestruturas, porque o diñeiro ten que ir alimentar o pago da débeda bancaria ou os orzamentos da OTAN. 

A lóxica do Capital impón que as administracións públicas a cargo dos políticos da burguesía organicen (Abel Caballero no Concello de Vigo), subvencionen (Carmela Silva na Deputación de Pontevedra) ou autoricen (Enrique López Veiga na Autoridade Portuaria de Vigo) festivais en instalacións sinaladas polo seu mal estado de conservación, porque o ano que vén hai eleccións municipais, e ninguén podía asumir suspender un festival xa emblemático na cidade de Vigo.

E agora que? O PP dirá que a culpa é do Concello de Vigo que tiña a cargo o mantemento do paseo marítimo e foi quen organizou o Marisquiño sabendo que todo estaba podre. O PSOE dirá que a culpa é de Portos de Vigo que construíu a obra e daba os permisos para celebrar o festival coñecendo os perigos das instalacións. 316 vítimas, algunhas delas graves, pero ningún responsábel? 

Os Colectivos da Mocidade Comunista e Comunistas da Galiza-PCPE, ademais de reiterar a solidariedade coas vítimas e os seus familiares, esiximos a depuración das responsabilidades das distintas administracións e empresas implicadas na traxedia de onte. Esiximos xustiza. 

Defendemos o dereito da clase obreira, a mocidade e o pobo traballador de Vigo a gozar dunhas festas populares e do acceso á cultura en condicións de plena seguridade.

Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)
Comunistas da Galiza-PCPE