[25 de Xullo] O noso camiño: a independencia da clase obreira

0

O Partido Comunista celebra este 25 de xullo como expresión do inequívoco carácter nacional do pobo galego, que os comunistas defendemos fronte aos ataques á súa cultura e identidade nacional. Nese sentido recoñecemos o dereito de autodeterminación como o dereito democrático á libre separación e á formación dun estado propio.

Pero á vez que nos manifestamos como defensores dos dereitos nacionais, tamén non posicionamos contra toda forma de nacionalismo, contra todo intento de dividir a clase obreira, contra o levantamento de barreiras nacionais, contra a separación da clase obreira das distintas nacionalidades do estado español que comparten intereses revolucionarios e de clase, intereses que se manifestan tanto na loita económica como na loita política, tanto nas reivindicacións inmediatas como nas formas políticas superiores.

No estado español o poder é exercido por un sólido bloque oligárquico burgués no cal están integradas as distintas burguesías nacionais que comparten intereses de clase. Estes intereses maniféstanse no terreo práctico nunha serie de leis e de decretos como a reforma laboral, a aprobación do teito de gasto e o resto de políticas e medidas antiobreiras que foron apoiadas polas forzas políticas nacionalistas burguesas.

Non consideramos que se poidan situar contradicións entre clases populares galegas e oligarquía española e consideramos que a contradición da nosa época e do noso tempo é froito da colisión entre o carácter social do traballo e a apropiación privada dos seus resultados, mediante a propiedade privada dos medios de produción.

Falar de relacións de dependencia económica ou calificar de colonial a relación entre Galiza e España é facer unha lectura distorsionada da realidade política, económica e social.

En Galiza danse todas as condicións dun capitalismo altamente desenvolvido na súa fase monopolista e polo tanto é absurdo falar de relacións coloniais ou de dependencia ou situar contradicións entre periferia e metrópole. Un estudo das condicións económicas concretas amósanos que no territorio galego operan un numero significativo de monopolios tanto nacionais como estranxeiros, en Galiza operan grupos económicos con capital francés, norteamericano, xaponés, alemán, noruegués ou suízo ademais de monopolios con orixe noutras rexións ou nacións do estado español, como por exemplo gas natural que ten a súa orixe en Cataluña e que explota unha boa parte dos recursos enerxéticos con base en territorio galego.

Á súa vez as tendencias económicas do capitalismo tamén se manifestaron na economía galega coa formación de monopolios “nacionais”; grupos como Inditex, Calvo, Pescanova, Coren, Finsa, Rodman, Jealsa-rianxeira, Monbus, Urovesa, Cupa group, Adolfo Dominguez, Gadisa, ou Abanca no sector financeiro.  Estas empresas son produto dunha alta concentración da produción e da fusión do capital bancario co industrial propias dun país avanzado e industrializado.

Outro risco distintivo é a exportación de capitais e a participación da nosa oligarquía financeira en todo tipo de transaccións internacionais. Ademais froito da internacionalización e descentralización dos procesos produtivos os nosos monopolios atópanse presentes no Reino Unido, Estados unidos, Italia, Francia, Turquía, Brasil, Exipto, Países Baixos, Bélxica, Alemaña, México, Namibia, países que se atopan nunha posición superior ou inferior da cadea imperialista.

É preciso sinalar tamén que a nosa burguesía participa activamente no saqueo e a rapina imperialista e na loita por recursos e materias primas a través de unións internacionais monopolistas dos capitalistas como a Unión Europea ou a OTAN. Estas unións benefician especialmente aos nosos monopolios vinculados á industria pesqueira e conserveira a través de diversos acordos económicos con terceiros países. Por exemplo Iberconsa, Pescanova, Pereira, Mascato e Copemar e os seus negocios en Namibia onde se pesca a maior parte do peixe conxelado que podemos atopar hoxe na maior parte de supermercados e grandes superficies.

A nosa burguesía e responsábel da explotación de miles de traballadores e traballadoras en todo o mundo e tamén no resto do estado español. Non ocupa ningunha posición subsidiaria nin está subordinada á burguesía “española”.

Nin a soberanía nacional nin a autodeterminación poden mellorar as condicións de vida dos traballadores e as traballadoras. A experiencia amósanos que nada gañaremos cun suposto cambio na xestión do capitalismo. A clase obreira non pode deixarse levar por falsas ilusións en relación a un capitalismo máis humano ou que no marco dun novo estado nacional varíe a correlación de forzas entre a clase obreira e a burguesía que, baixo unha forma ou outra, seguiría exercendo o poder como clase dominante.

O estado ten un contido clasista e non pode ser utilizado para favorecer os intereses da clase obreira e do cambio social a través de procesos electorais, referendos ou solucións gobernamentais burguesas. A loita pola soberanía nacional conduce á clase obreira cara posicións interclasistas e de colaboración de clase en aras dos intereses nacionais, substitúe a orientación do movemento obreiro e popular por obxectivos revolucionarios e pola liberación da escravitude asalariada por supostas concesións e pequenas melloras na venda da forza de traballo no marco dun estado capitalista independente.

Lenin xa planteou que o capital financeiro é unha forza tan considerábel, por dicilo así, tan decisiva en todas as relacións económicas e internacionais, que é capaz de subordinar, e en efecto subordina, ata aos Estados que gozan dunha independencia política.

Non pode haber soberanía sen o derrocamento do poder burgués e sen a nacionalización e socialización dos monopolios. Os recentes acontecementos en América Latina coas crises internas que afectan en maior ou menor medida aos gobernos progresistas de xestión burguesa incapaces de superar as contradicións inherentes a unha economía de libre mercado e o choque entre as formas de propiedade social e estatal e a propiedade capitalista dos medios de produción confirmando o fracaso das chamadas vías democráticas e “nacionais” ao socialismo e confirma as teses leninistas sobre a construción do socialismo e a vía revolucionaria da toma do poder.

Este ano cúmprense 100 anos do triunfo da Revolución Socialista de Outubro,  a primeira revolución triunfante que foi quen de abolir as relacións capitalistas de produción e edificar un novo estado dirixido pola clase obreira que garantiu a toda a poboación traballo,  sanidade e educación, públicas e gratuítas. A revolución socialista tamén liberou do xugo da opresión nacional aos pobos e as nacións que formaban o antigo imperio zarista recoñecendo o seu dereito á autodeterminación e recoñecendo os seus dereitos nacionais na construción dun estado obreiro unitario edificado sobre a base do internacionalismo proletario e a unión libre e voluntaria dos pobos que conformaron a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.

A clase obreira debe loitar en todas partes e en calquera circunstancia baixo a súa propia bandeira; debe manter a súa independencia de clase e ao igual que en 1917 ten que abrazar os principios do internacionalismo proletario pois a loita de clases adopta unha forma nacional pero polo seu contido e internacional.

O Partido Comunista aposta pola acumulación de forzas na perspectiva do derrocamento do poder burgués, do poder dos monopolios, da ruptura das alianzas imperialistas e a construción do socialismo comunismo como horizonte estratéxico no conxunto do estado español.

Estamos convencidos e convencidas de que hoxe existen as condicións materiais para a construción socialista e que só esta será quen de garantir a liberdade, a soberanía e a independencia dos pobos.

POLO PODER OBREIRO!

POLO SOCIALISMO-COMUNISMO!

POR UN PAÍS PARA A CLASE OBREIRA!

Comité Nacional

Comunistas da Galiza-PCPE

25-XULLO-2017