19X: Unificar as loitas, camiñar cara a Folga Xeral.

1

A recuperación económica só o é para os beneficios das grandes empresas.

Cada día son máis ricos porque cada día nos rouban máis.

Tras dez anos de crise capitalista, os “indicadores macroeconómicos” dan sinais de recuperación. Pero ao mesmo tempo, amosan que o capitalismo só pode remontar as súas crises endurecendo a explotación da clase obreira. O que chaman crecemento da economía só significa agravamento da pobreza e a precariedade para amplas masas.

A crise deixounos como secuelas a destrución de emprego e o retroceso nos dereitos e condicións laborais, un mercado laboral onde o único emprego que se está a crear é o de traballadores/as temporais do sector servizos, con contratos de baixa duración e salarios de miseria, en moitos casos inferiores á metade do Salario Mínimo Interprofesional.

O transvasamento das rendas do traballo ás rendas do capital apréciase non só no ataque do capital contra as condicións de traballo e o salario directo, senón tamén no saqueo do salario indirecto e diferido. Este exprésase na crecente privatización dos servizos básicos de primeira necesidade e no ataque ao sistema público de pensións. Nesta batería de medidas antiobreIras e antipopulares inscríbense a reforma da Lei de Saúde de Feijóo, o empeoramento das condicións laborais e da calidade no sector educativo, o actual ataque ao sistema púplico de pensións e todas as reformas laborais e das pensións dos gobernos do PSOE e do PP.

Esta será a única recuperación económica posible, se non lles facemos fronte.

A mobilización é o único camiño.

Os representantes politicos da burguesía, tanto da dereita clásica e a de novo cuño, como os da nova e vella socialdemocracia, escenifican disputas parlamentarias que en nada alteran a súa natureza de clase e o seu carácter común: son os administradores dos negocios do gran capital contra a clase obreira e as capas populares.

 

A aprobación da moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy abre un novo ciclo político. O novo Goberno tratará de dar pasos definitivos para reformar o sistema político, logo dun debate parlamentario no que se constatou que é a propia natureza do capitalismo a que orixina a corrupción política. A disputa entre as forzas parlamentarias representa os intereses de diferentes sectores da burguesía, que viu garantidos os seus intereses económicos de clase co compromiso de Pedro Sánchez de gobernar cos Orzamentos deseñados polo Partido Popular.

 

A completa supeditación de Unidos Podemos ao PSOE confirma a alianza entre a nova e a vella socialdemocracia para xestionar o capitalismo. A explotación continuará e incrementarase no futuro. O novo Goberno limitarase a xestionar a explotación baixo novas formas, mentres a dereita política se endurece e disponse a preservar, desde a oposición, os intereses do sector capitalista que representa, á espera dun novo proceso electoral que determinará a correlación de forzas que definitivamente complete a reforma do sistema político.

 

A clase obreira e os sectores populares non deben depositar ningunha esperanza no novo Goberno capitalista, que continuará gobernando para a patronal. Os nosos dereitos só se verán garantidos se continúa e se intensifica a mobilización, que debe desembocar na convocatoria dunha folga xeral, xa que cambia o Goberno, mais a explotación capitalista continúa e intensificarase.

 

Apoiamos por tanto as mobilizacións convocadas pola CIG o 19 de Xuño porque só loitando imos ser quen de derrubar as contrarreformas laborais e parar a liquidación da negociación colectiva, a privatización dos servizos básicos, a destrución do sistema público de pensións, o endurecemento da represión do Estado burgués contra as organizacións obreiras e populares.

 

A loita organizada da clase e a mobilización son o único camiño para parar o retroceso das nosas condicións de traballo e de vida, dos nosos dereitos laborais e sociais,das nosas liberdades colectivas e individuais.

 

Apoiamos as mobilizacións do 19 de Xuño porque queremos poñer os corruptos na cadea e as obreiras e obreiros no Poder.

 

Chamamos o conxunto da clase traballadora e as organizacións obreiras e populares a sumar forzas para converter o 19 de Xuño nunha importante e exitosa xornada de loita.

 

Chamamos a converter esta xornada nun gran paso adiante cara a unha futura Folga Xeral, apoiada e convocada por todas as forzas sindicais de clase en todo o Estado, situando a unidade e o protagonismo da clase obreira como o elemento fundamental que garante o avance das posicións do pobo traballador. A unidade e a independencia da clase obreira son a condición para a vitoria.

 

O Partido Comunista chama o movemento obreiro e o conxunto do noso pobo a intensificar todas as loitas que están en marcha, sen depositar ningunha esperanza na socialdemocracia. Non debemos baixar ningunha das bandeiras que erguemos nos últimos meses. O novo Goberno é un goberno capitalista ao servizo da explotación e non tardará en demostralo. A loita por un país para a clase obreira continúa.

 

Este 19 de Xuño, amosémoslles na rúa a forza da clase obreira.

 

Se nós producimos, nós decidimos!!

Viva a loita da clase obreira!!

Comité Nacional de Comunistas da Galiza – PCPE