10 de marzo 2019. Día da clase obreira galega

0

UNIDADE, ORGANIZACIÓN E LOITA: OS DEREITOS CONQUÍSTANSE LOITANDO !!

 

O 10 de marzo de 1972, Amador Rey e Daniel Niebla, obreiros da Bazán, caían mortos en Ferrol baixo as balas da policía franquista, loitando por un mellor convenio colectivo. Decenas de feridos, centos de despedidos, presos e represaliados, ese foi o prezo que pagou a clase obreira para que o conxunto dos traballadores e traballadoras puidese conquistar novos dereitos e mellores condicións de vida e traballo. Sempre o capital usou todas as súas armas e instrumentos para extraer o máximo lucro do noso traballo asalariado. Nunca a patronal cedeu nada sen loita.

 

Durante todos os anos de crise capitalista a patronal e os seus gobernos sostiveron a falacia de que os recortes habían servir para salvar emprego e dereitos laborais e sociais. A realidade é ben distinta.

 

Si, recuperáronse os beneficios empresariais, os oligarcas acumulan cartos a moreas, os accionistas cobran suculentos dividendos e eluden os impostos con mil trucos legais. Cantidades fabulosas foron regaladas aos bancos sen ningunha compensación para o pobo que pagou a factura dos especuladores.

 

Mentres tanto, a clase obreira e o conxunto do pobo traballador acumularon perdas de poder adquisitivo, peores condicións de traballo, recortes de servizos públicos e de pensións, perda das súas vivendas, emigración da mocidade, accidentes laborais e perda de saúde, etc.

 

A lista das empresas baixo ameaza de peche, de ERE ou de impago de salarios non para de medrar: Alcoa, Poligal, Ferrotlántica, Faurecia Asientos, DIA, Maderas Iglesias, Bosch, PSA, Vodafone, Factorías Vulcano…. e tantas máis.

 

Quen confíe en que un simple cambio de partidos no goberno (autores e defensores de todas as reformas laborais), poida supoñer melloras substanciais para a clase traballadora, estará caendo de novo no engano. Sería como tropezar mil veces na mesma pedra asumindo unha nova derrota chea de privatizacións, de sacrificios e baixos salarios, de explotación e saqueo dos nosos dereitos.

 

É o momento de extraer leccións e emprender a misión que como clase nos corresponde. Só a loita nos devolverá o roubado e nos colocará no camiño de novas conquistas, xa que o recorte dos nosos salarios e dos nosos dereitos unicamente serve para incrementar os beneficios patronais a costa de empeorar as nosas condicións de vida e de traballo.

 

Na actualidade, en numerosos sectores e empresas estase a abordar a negociación dos convenios colectivos. Estanse dando pasos decisivos na loita sindical e obreira para a recuperación dos nosos dereitos a través da negociación colectiva ou en contra dos despedimentos masivos e dos EREs.

 

Unha vez máis, o PARTIDO COMUNISTA DOS TRABALLADORES DA GALIZA alza a súa voz e chama o conxunto da clase obreira e do pobo a apoiar e solidarizarse coas folgas e mobilizacións de cada sector en loita polo seu convenio, de cada empresa na defensa dos seus postos de traballo. O exemplo dos traballadores de Ambulancias, dos PACs, de Alcoa, Poligal ou Maderas Iglesias constitúe un paso importante para aglutinar todos os sectores que están a ser golpeados por unha patronal e por uns monopolios que engordan os seus beneficios e privilexios coa nosa precariedade e a nosa miseria.

 

A experiencia histórica demostra que cando a clase obreira non loita, as súas posicións non avanzan, os seus dereitos retroceden e perigan as súas conquistas. É necesario relanzar a solidariedade de clase cos sectores en folga. É preciso abrir un novo ciclo de loitas obreiras e populares que poñan freo á ilimitada ambición da patronal e ás ameazas dos seus servidores que pretenden disciplinar con man dura a clase traballadora usando o aparato xurídico-político do Estado para reprimir a combatividade obreira.

 

Chamamos a clase obreira a confiar na súa inmensa forza e a fortalecer a unidade en cada sector, en cada empresa e en cada centro de traballo. Porque o poder real e a chave de todo non se atopan en parlamento ningún, nin no voto a falsas “alternativas” que non cuestionan a natureza explotadora do sistema capitalista. O poder dos traballadores e das traballadoras atópase na súa UNIDADE, ORGANIZACIÓN E LOITA.

 

Neste Día da Clase Obreira Galega, o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza  rende homenaxe a Amador e Daniel e reafirma o seu compromiso indestrutible coa clase obreira, co sindicalismo de clase, coa unidade sindical e de clase, para derrotar a patronal e os seus gobernos capitalistas e para construír un país para a clase obreira.

 

Comité Nacional do PCTG.

 

Ver en Revista Forxa